Cadena Ser visita a Radio Pinguela.

 

Os nosos alumnos de ESO puideron comprobar como se realiza un programa de radio e participaron activamente, con María Valcarce e Rafa Aguiar, contando experiencias e preguntando cousas relacionadas co mundo radiofónico.

Radio Principal Cadena Ser de Monforte leva dous anos cedendo pequenos espazos da súa programación para que rapaces e rapazas do IES A Pinguela expresen, a través das ondas, as súas experiencias en diferentes temas relacionados con actividades educativas.

A iniciativa partiu de Xosé Manuel Castro González, profesor deste centro de ensino, que ideou unha actividade consistente en gravar pequenas pezas de audio nas que os rapaces contan as súas experiencias en traballos ou situacións creadas ó redor das xornadas escolares. Gravadas estas pezas, de xeito bastante caseiro, son levadas cada certo tempo ós estudios da emisora local da Ser en Monforte para emitilas dende alí, vivir a experiencia da radio e aproveitar o seu maior alcance. Con esta actividade foméntase a comunicación, ben sexa como elemento de expresión persoal ben sexa como elemento de expresión e entendemento en equipo.

Segundo nos conta Rafa Aguiar, técnico de son e locutor de Radio Principal Cadena Ser, os rapaces teñen presentado este ano gravacións moi interesantes; falando da experiencia do intercambio con alumnos franceses, do proxecto e proceso de gravación dunha curtametraxe, da experiencia vivida tras interesarse pola vida de clausura das monxas Clarisas ou explicando o que lles contaban os seus avós en relación a como se vivían as festas no seu tempo…

Así as cousas, no canto de ir Xosé Manuel Castro ou os rapaces á radio, foi esta a que os foi visitar. Ese día, co equipo oportuno para poder facer unha emisión radiofónica, desprazáronse ata alí a presentadora, María Valcarce, e Rafa Aguiar para que o alumnado do IES A Pinguela vivise o proceso de produción e de emisión dun programa de radio dende dentro.

Nunha hora de radio Xosé Castro fixo intervir a alumnos e alumnas para que contasen as súas experiencias sobre accións ou traballos realizados e tamén houbo opción de que o abarrotado Salón de Actos do centro fixese preguntas sobre a comunicación en xeral e sobre a radio en particular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *